Para a lectura de "Matarte lentamente", de Diego Ameixeiras

Club de lectura

PARA O CLUB DE LECTURA, QUE ESTÁ A LER MATARTE LENTAMENTE:


BIOBIBLIOGRAFÍA (fonte: Wikipedia):


Diego Ameixeiras Novelle, nado en Lausana o 5 de novembro de 1976, é un xornalista e escritor galego. Traballou escribindo para varias series emitidas pola TVG (Terra de Miranda, Os Atlánticos, Matalobos). Foi co-guionista das longametraxes 18 comidas (Jorge Coira, 2010), pola que recibiu un Premio Mestre Mateo ao mellor guión, e La mujer del Eternauta (Adán Aliaga, 2011).

Publicou dúas novelas de serie negra ambientadas en Ourense: Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006), protagonizadas polo detective Horacio Dopico. O coidado estilo destas dúas obras, parodia do hard-boiled enchido de dialectalismoscorrespondentes ás falas de Ourense, aproxímano á produción narrativa de Bieito Iglesias.


Diego Ameixeiras

No 2006, Diego Ameixeiras gañou o Premio Xerais de Novela con Tres segundos de memoria, obra catalogada como "xeracional" pola crítica e cuxo argumento narra o día a día dun personaxe anónimo atrapado na precariedade económica e sentimental. Escrita con grandes doses de humor, a novela está chea de referencias literarias e musicais e nun dos seus capítulos o autor homenaxea ao Nick Hornby de High Fidelity.


En 2009 publicou a súa cuarta novela, Dime algo sucio, que foi, xunto con Sete palabras de Suso de Toro o primeiro libro electrónico publicado pola editorial Xerais. Traducida ao castelán por Pulp Books, esta durísima novela significou un cambio de rumbo na traxectoria do autor, centrado agora en problemas tan espiñentos como a pederastia. Dime algo sucio recibiu o Premio Especial do Director da Semana Negra de Xixón na súa edición de 2011, ex aequo con Las niñas desaparecidas, de Cristina Fallarás.


En setembro de 2010 editouse a novela Asasinato no Consello Nacional, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano 2010 e un auténtico éxito de vendas. En 2011 gañou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia con Historias de Oregón, a publicar no xornal durante o mes de agosto.


Colaborou no monográfico A falacia da sustentabilidade, editado por Renderén. Na actualidade colabora no suplemento "Culturas" de La Voz de Galicia.


Narrativa:

Baixo mínimos (Xerais, 2004).
O cidadán do mes (Xerais, 2006).
Tres segundos de memoria (Premio Xerais de Novela, Xerais, 2006).
Dime algo sucio (Xerais, 2009).
Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010).
Historias de Oregón (Xerais, 2011).
Todo OK (Xerais, 2012).
Matarte lentamente (Xerais, 2013).
Conduce rápido (Xerais, 2014).


Obras colectivas:


Letras novas, 2008, Asociación de Escritores en Lingua Galega.


Matarte lentamente

ANTES DA LECTURA:


Matarte lentamente consolida a liña de modernización radical da novela negra que Diego Ameixeiras abriu en novelas anteriores como Dime algo sucio, Historias de Oregón e Todo OK. Dosificación da información, economía expresiva, coidada estrutura de tramas e vidas que van encaixando coma un puzzle son características desta novela impactante e inesquecible que presenta con claridade problemas claves do noso tempo. (Fonte: ficha do libro en Xerais)

Relatou Ameixeiras como naceu a idea da novela. «Unha mañá de sábado, cando regresaba, vin na rúa Galeras unha manifestación de preferentistas camiño da casa do presidente Feijoo. Unha parella de vellos sentaron no meu portal. O home tentaba acougar a súa muller da súa carraxe. Pensei, entón, qué habería na cabeza desta xente estafada pola cobiza dos banqueiros. Iso deume para inventar a primeira das historias, a dos preferentistas. Logo viñeron as outras, relacionadas co narcotráfico ou cos problema da sanidade. Armei un mosaico de vidas e dramas ambientados en Santiago».

Trata de abordar temas de actualidade no xénero negro. «Hoxe resulta imposible abstraerse da realidade que estamos vivindo, é o mellor argumento para o xénero negro criminal». «Intento ser o cronista deste tempo, mais sen ser panfletario. Será o lector quen teña que cubrir os ocos que quedan na propia historia, os matices e pequenos detalles tan importantes». «En Matarte lentamente optei por darlle moita importancia a personaxes femininos, aqui son protagónicos, o que non adoita acontecer no xénero».


PARA FIXARNOS DURANTE A LECTURA:


-Estructura paralelística: moitos fíos argumentais para formar un entramado a modo de mosaico representativo da realidade social.

-Atención especial aos personaxes femininos.

-A tensión argumental da novela policiaca tradicional vira en tension sicolóxica, mostrando os personaxes en situacións dramáticas das súas vidas.

-Argumentos realistas que reflicten a crisis actual, desde unha perpectiva humana donde Compostela aparece como un símbolo que unifica as diferentes historias.


SÓ SE XA O LICHES (PODE CONTER SPOILER):

CUESTIÓNS A DEBATER:


-De novo: hai engano na contracuberta? (No resumo fala só do tema dos preferentistas, que ten moita actualidade social).


-Temas:

Argumentos: unha parella de xubilados preferentistas que escolle unha saída radical para a súa decepción; unha rapaza ecuatoriana que busca unha vida mellor; unha estudante con embarazo non desexado; unha detective que vixía ao seu home; un pai desesperado por salvar o seu fillo enfermo; a muller máis respectable do edificio e o seu marido; un narcotraficante con desexos de adoptar…

Vidas cruzadas que converxen nun límite insospeitado e que se presentan simultáneos temporalmente. A unidade ofrécea a cidade de Santiago.

Tema principal: crítica dunha sociedade en crise económica e de valores, vinculándoo coas baixezas éticas e morais dos seres humanos en situacións límites. Desde un punto de vista máis humano, o tema sería o drama que xorde polas solucions extremas que toman estes personaxes de vidas derrotadas.

Os temas pertencen á vida normal, poderían ter sido sucesos nun xornal.


-Principio: sorpresa e confusión; tardamos en entender como se unen as historias, costa entrar...


-Unidade no espacio de Compostela, que simboliza a sociedade contemporánea en crise.


-Personaxes femininos: sobre todo Claudia, Daniela, Nuria e Helena.


-Personaxes en xeral: protagonista coral. Personaxes realistas, cos que nos podemos identificar. Interésannos as súas experiencias personais? Se é así, é porque os temas están de actualiade (preferntistas, banqueiros, enfermidades, tráfico de drogas, aborto, adopción...) ou pola súa trascendencia humana?


-Xénero: cuestiona o xénero da novela negra o plantexar tramas con tensión, violencia, personaxes máis ou menos criminais, etc., pero sen detectives nin resolución de casos, con personaxes femininos como protagonistas... O mundo da criminalidade vese desde a perspectiva dos protagonistas, dos propios criminais, a partir das súas realidades humanas (Óscar e os seus desexos de ser pai, Marcos e o medo por perder á súa muller se se descobre o seu segredo, Ramón e a necesidade de salvar o seu fillo...). Sería máis unha novela de personaxes que de xénero negro? (As vidas vulgares, rotas, son máis propias do realismo suxo dos anos oitenta, pero tras esta apariencia están vidas de criminais, unha detective, unha traficante novata...).


-Desenlaces: son demasiado previsibles? son realistas? É optimista o desenlace respecto á nosa sociedade? Hai unha crítica social?


-Estilo e linguaxe sinxelos, baseados no diálogo e no léxico cotidiano. A tensión vai in crescendo para atraparnos.



Feliz lectura!

Comentarios

Entradas populares