Club de lectura: "Izan o da saca", Xabier Quiroga


Xabier Quiroga (Saviñao, 1961), deuse a coñecer como autor de narrativa con Atuado na braña, unha obra extensa pola que recibiu o Premio Losada Diéguez 2002. Reapareceu cunha novela de formato máis breve Era por setembro, 2004, a que seguirán (2006), O Cabo do Mundo, (2009), e Zapatillas rotas (2014) polas que obtivo o Premio da Crítica 2010 e 2014. Izán o da saca (2015) é a súa última novela.

Xabier Quiroga

AUTOBIOGRAFÍA

Pouca traza terá dicir que nacín terra adentro, onde o inverno achega solpores de xeada e a primavera mima á lúa ceiba que, realmente, só busca amantes entre a braña. De novo fun e vin polos camiños, uns alleos, outros exóticos, e incluso padecín o duro asfalto que maza arreo até escarnecer no maxín. Coma todos. Agora matino, non sei se atinadamente ou non. Na idade, quizais me falte unha cuarta para madurar. Quizais. Se cadra por iso prefiro non dar contas do meu, para que coñezan mal o que non asoma e así poidan cavilar ou desconfiar. Así a todo, considérome un tipo un tanto listo de menos, que valora ó seu xeito as cousas que ve, os feitos que pasan. E máis as ideas, os sentimentos, que si importan. Será que, á mantenta, agardo que a folla caia antes de abrir a boca.

Por ter teño sorte de vivir alonxado e ver os paxaros na figueira, como peteirean e se perden. E sentilos. Como as horas que pasan e non voltan nas revoltas de cada camiño que toca andar. Será tamén que me doe o mundo este, tan fugaz e aproveitado que amosa o monetario e agocha valores verdadeiros. Por iso calo. Así de agoiro son, entre outros defectos do meu debe.

Chegado de pouco ó caso da literatura impresa, onde percibo escasa reflexión e maior negocio, son tan novato que receo de case todo. Por suposto que non estou curado de espanto, de aí que non me entregue, de aí que me agoche como a toupa que só asoma terra virxe para respirar. Anque tamén teño que dicir que me prace saber que aí detrás pode haber alguén que se interesa polo que un escribe. Teima nova, seguramente.

Se por pedir é dado, prefiro que me lean, sempre e cando o tempo e a ousadía ceiben o instinto. Porque nesta época de tragar mentiras tan inmediáticas, e sabendo como sabes que o mesmo ruído non deixa ver con claridade e pensar é un privilexio con razón, convén non fiarse do que din. Pero nadiña. Como eu non fío da curuxa que me abouxa cada noite, como non fío do palique que nos enreda, como eu non fío de fiar o fuso das historias que son verdade. Por se acaso. Por iso che pido o mesmo. Desconfía. De min e do que digo. De todo. Se o precisas, fíate só do que interpretas, anque naza nos inventos da ficción que, como puñal, se espeta na propia vida. E gota a gota, desa ferida, vanse enchendo como páxinas os días. Un tras outro. Ata a derradeira.

De todo canta obra levo escrita, pouco dei. Atuado na braña, Era por setembro. E aínda sen saber se as mereces, alá ti, tómaas como che praza. Divertimento, historias reais, literatura á vella usanza, ficción pura. Pero cando as teñas entre as mans, fai o favor, que non che meta medo adentrarte na súa espesura. Non é tal. É novela, é conto. Que máis che dá o que sexa? Lembra que no atrevemento está o inicio de toda aventura. E, como se fose licor dunha botella de náufrago que abalou a marea e te procurou precisamente a ti, bébea a modo, pode ser pesar que escorreu polo sumidoiro dos lacrimais, pode ser unha mentira. Pode non ser nada, como cae de caixón que é este vivir.

E eu, no cabo, cando ó mellor teña algo máis que dicir, seguramente escoitarei como chove e lle darei dúas voltas antes de entregalo ao prelo. Seguramente. Coma esta autobiografía incompleta. Ou é que acaso importa onde naces ou onde paces? Ou é que a idade rabena as ideas? Con todo ás costas, neste caso podo dicir que vale o pecado, non o pecador. O pecado é a obra, o pecador é imaxe esvaída na néboa dos días, talmente coma min.

 

 

ENTREVISTA

Por que escolleu o nazismo para contextualizar este proxecto?

Foi casualidade, froito dunha pequena anécdota. Caeu nas miñas mans o libro de Eduardo Rolland, “Galicia en guerra”, de Xerais. Quedei engaiolado co tema, coa relación intensa entre os nazis e Galicia. Iniciei un traballo de campo, percorrendo os distintos escenarios como as minas de Wolframio, o mosteiro de Samos ou o Córneas. Lín libros, procurei na internet e discutín moito. Estaba claro a convivencia pero o que máis me interesou foi cando se tentou disimular despois. Decateime que aquí podía saír unha ou varias novelas.

Canto tempo hai detrás deste proceso de documento?

Dous anos e medio. Son un escritor de ritmo lento e pausado. Non teño que ter un orixinal cada seis meses, polo que lle adico tempo. De feito cando mandei o escrito á editorial, pedino de novo para darlle unha volta.

Na súa investigación, deu con alguén que vivira en primeira persoa a presenza alemá en Galicia?

Hai xente moi vella que o lembra, pero existe recelo a falar dos nazis. É o costume agochar certas ideas, xa que foron os perdedores. Mais quedou constancia de que residiron en poboacións galegas e que tiñan trato coas mellores familias.

Estiveron moi vencellados as minas de wolframio, que tiña a súa porta de saída por Vigo, onde a súa influencia foi maior, aínda que estiveron diseminados polo país.

A obra está clasificada como novela negra. Era esa a súa intención?

Agora os xéneros teñen fronteiras. A trama aborda uns sucesos acontecidos que saen a luz coa investigación da historia dunha familia que se pode ver salpicada polo seu pasado.

Antes dixo que os nazis en Galicia podía dar para varias histramas. Haberá segunda parte?

Aínda que nun principio ábrense moitas historias fragmentadas, todo queda pechado ao final. Non creo que haxa continuación, o que é posible é que retome ao personaxe Reiniña para outra investigación. Xa apareceu noutras novelas e os lectores gústalles. Resulta atractivo.

Con “Izan o da saca” obtivo o premio Arzobispo San Clemente. Son importantes os galardóns para os escritores?

Xa non participo en concursos, sempre me deron os premios á marxe. O caso do San Clemente foi o que máis me sorprendeu, xa que o fallou un xurado xuvenil. 
Pincha na imaxe para ver unha entrevista televisiva:

http://www.crtvg.es/cultural/corte-a-corte/xabier-quiroga-escritor

A Ruta das Ratas en Izan o da saca:



A Ribeira Sacra en Izan o da saca:

Comentarios

Entradas populares